jueves, 7 de marzo de 2013

CREACIÓN DUNHA COUSA




O GATO DO ENTROIDO

Rosa é unha muller da miña aldea duns cincuenta anos. É unha señora relixiosa, elegante, traballadora e sobre todo moi cumprida. Todos os da vila a coñecen, e non dubidan en avisala para pedirlle axuda se precisan. En Xunqueira de Espadanedo, hai dous anos, ocorreu unha anécdota con Rosa que fixo que algunha xente perdera a confianza nela.
Eran datas de Entroido, e preparábase un concurso, nunha vila cerca de Xunqueira. A xente xuntábase por aldeas para disfrazarse. Tiñan que ir todos iguais e gañaba quen máis xente tivera e mellor fora o traxe. Nesta aldea, animouse bastante xente, e ao ter o disfrace elixido, Rosa ofreceuse para encargalos e traelos para ese día. Todos aceptaron sabendo que Rosa era unha muller moi responsable e pensando que non terían problema. A falta de tres días para o concurso, chamárona de que xa podía recollelos. Foinos buscar e levounos á súa casa, onde os colgou nun cuarto. Chegou a hora e Rosa, sen moito tempo, colleu todos os disfraces e levounos á sala onde todos quedaran para poder prepararse e marchar á festa. A sorpresa foi, que ao ir colléndoos para vestirse, a xente decatouse de que moitos deles estaban todos rotos. Rosa non cría o que estaba vendo, e as culpas eran para ela. Non dicía nada, só pensaba como puidera pasar iso e porque ela non se decatara de que estaban rotos xa na tenda. Entón, foi cando se acordou que ao coller os disfraces a porta do cuarto estaba aberta, e dentro, o seu gato.
Ao fin, ela explicoulle todo e pediulle desculpas. Intentaron arranxar algo os traxes e marcharon todos á festa de Entroido. Aínda coa explicación razoada, moitos, xa non pensan que Rosa sexa tan responsable.

Rebeca C.

DIEGO, O PORTEIRO DE HÓCKEY

     Na cidade de Ourense vive un rapaz chamado Diego. É delgado, louro, ten dezaseis anos e un carácter moi tímido, ás veces, fai e di algunhas parvadas e ten memoria de peixe. Gústalle moito ler sempre e cando a lectura sexa de libros de aventuras contemporáneas.
     Polo seu 16 aniversario, a súa tía Fina regaloulle un libro titulado Diego o porteiro de hóckey, chamoulle a atención o título porque el tamén xoga ao hóckey. Ao día seguinte, atopábase un pouco mal, e súa nai non o deixou erguer da cama. Comezou a ler o libro no que descubriu que o protagonista tiña moito en común con el, gustoulle tanto que nese mesmo día rematouno. Á mañá seguinte ergueuse con moita enerxía, facíalle falta pois tiñan o partido da final do campionato galego. Ao colocarse diante da portería notou que algo non ía ben, pero o partido xa comezara e non había tempo de mirar que era. Chegou o primeiro tiro á porta e Diego parouno. Ao querer devolverlle a pelota ao seu compañeiro decatouse de que se atopaba noutro lugar, non eran os seus compañeiros, nada era como antes. Tentou falar co seu adestrador pero tampouco era o mesmo.
Como bo profesional do deporte seguiu xogando e berrándolle aos seus novos compañeiros as tácticas de xogo que tiña asignadas para ese partido. Camiñando cara aos vestiarios notou que algo o molestaba dentro da bota, ao sacala viu que era unha nota na que puña “Os teus soños poden facerse realidade, ti tamén es importante”.  Ao rematar de ler a frase espertou cunha caricia de súa nai. Todo fora un soño, hoxe era o día do partido. Encamiñouse cara ao campo e ao chegar leu unha pancarta que puña o mesmo que a nota do soño, pero cunha pequena modificación, estaba asinada.

Andrea C.

No hay comentarios:

Publicar un comentario