O GATO DO ENTROIDO
Rosa
é unha muller da miña aldea duns cincuenta anos. É unha señora relixiosa,
elegante, traballadora e sobre todo moi cumprida. Todos os da vila a coñecen, e
non dubidan en avisala para pedirlle axuda se precisan. En Xunqueira de Espadanedo,
hai dous anos, ocorreu unha anécdota con Rosa que fixo que algunha xente
perdera a confianza nela.
Eran datas de Entroido, e preparábase
un concurso, nunha vila cerca de Xunqueira. A xente xuntábase por aldeas para disfrazarse.
Tiñan que ir todos iguais e gañaba quen máis xente tivera e mellor fora o traxe.
Nesta aldea, animouse bastante xente, e ao ter o disfrace elixido, Rosa
ofreceuse para encargalos e traelos para ese día. Todos aceptaron sabendo que
Rosa era unha muller moi responsable e pensando que non terían problema. A falta
de tres días para o concurso, chamárona de que xa podía recollelos. Foinos
buscar e levounos á súa casa, onde os colgou nun cuarto. Chegou a hora e Rosa,
sen moito tempo, colleu todos os disfraces e levounos á sala onde todos
quedaran para poder prepararse e marchar á festa. A sorpresa foi, que ao ir
colléndoos para vestirse, a xente decatouse de que moitos deles estaban todos
rotos. Rosa non cría o que estaba vendo, e as culpas eran para ela. Non dicía
nada, só pensaba como puidera pasar iso e porque ela non se decatara de que
estaban rotos xa na tenda. Entón, foi cando se acordou que ao coller os
disfraces a porta do cuarto estaba aberta, e dentro, o seu gato.
Ao
fin, ela explicoulle todo e pediulle desculpas. Intentaron arranxar algo os
traxes e marcharon todos á festa de Entroido. Aínda coa explicación razoada,
moitos, xa non pensan que Rosa sexa tan responsable.
Rebeca C.
DIEGO, O PORTEIRO DE HÓCKEY
Na cidade de Ourense vive un rapaz chamado
Diego. É delgado, louro, ten dezaseis anos e un carácter moi tímido, ás veces,
fai e di algunhas parvadas e ten memoria de peixe. Gústalle moito ler sempre e
cando a lectura sexa de libros de aventuras contemporáneas.
Polo seu 16 aniversario, a súa tía Fina
regaloulle un libro titulado Diego o porteiro de hóckey, chamoulle a atención o
título porque el tamén xoga ao hóckey. Ao día seguinte, atopábase un pouco mal,
e súa nai non o deixou erguer da cama. Comezou a ler o libro no que descubriu
que o protagonista tiña moito en común con el, gustoulle tanto que nese mesmo
día rematouno. Á mañá seguinte ergueuse con moita enerxía, facíalle falta pois
tiñan o partido da final do campionato galego. Ao colocarse diante da portería
notou que algo non ía ben, pero o partido xa comezara e non había tempo de
mirar que era. Chegou o primeiro tiro á porta e Diego parouno. Ao querer
devolverlle a pelota ao seu compañeiro decatouse de que se atopaba noutro
lugar, non eran os seus compañeiros, nada era como antes. Tentou falar co seu
adestrador pero tampouco era o mesmo.
Como
bo profesional do deporte seguiu xogando e berrándolle aos seus novos
compañeiros as tácticas de xogo que tiña asignadas para ese partido. Camiñando
cara aos vestiarios notou que algo o molestaba dentro da bota, ao sacala viu
que era unha nota na que puña “Os teus soños poden facerse realidade, ti tamén
es importante”. Ao rematar de ler a
frase espertou cunha caricia de súa nai. Todo fora un soño, hoxe era o día do
partido. Encamiñouse cara ao campo e ao chegar leu unha pancarta que puña o
mesmo que a nota do soño, pero cunha pequena modificación, estaba asinada.
Andrea C.